A orixe do topónimo de Mañón non está suficientemente aclarado, anque hai quen o relaciona cun dos nomes de Hércules. Nos documentos antigos aparece escrito Mañón, para representar máis fielmente a pronunciación popular. Do que non se pode dudar é da importancia que tiveron estas terras nos albores da Historia, debido principalmente ó porto de Bares e ó "Camiño Vello" polo que se trasladaban ata o porto os minerais extraídos en As Pontes.
O porto de Bares aparece citado por primeira vez o ano 916 nun documento do rei Ordoño II, quen concedeu o señorío da Vila de Bares e un monasterio sito na parroquia de Mogor ao bispo de Mondoñedo Sabarico II. Pero a súa existencia como vila e como porto remóntase a moitos séculos antes. Atopáronse moedas fenicias, tégulas, ánforas e unha necrópole romana. Todo iso, así como o peirao prerromano, fai supoñer que foi este un lugar de gran importancia demográfica e comercial.