- Descrición: Este itinerario iníciase na beira dereita do río Sor na Área recreativa de Ponte Segade, río arriba. O percorrido segue co curso do río ata a arca recreativa e refuxio de Cascón onde pasando pola pequena ponte sobre o Sor volveremos pola outra beira ata o punto de inicio.
- Dificultade: Media e non accesible nin practicable para público con mobilidade reducida nin discapacitados.
- Distancia: 5 km
- Tempo de percorrido: 1:40h
- Valoración M.I.D.E:
- MEDIO (severidade do medio natural): 1
- ITINERIARIO (orientación no itinerario): 1
- DESPRAZAMENTO (dificultade no desprazamento): 2
- ESFORZO (cantidade de esforzo preciso): 2
- Coordenadas do inicio do percorrido: 43°33’16,94”N; 7°45’16,14”O
Este percorrido que nos achega até o refuxio do Cascón permítenos descubrir varios interesantes aspectos relacionados coa cultura tradicional destas terras e coa vexetación e a fauna da ribeira.
No lugar de Ponte Segade podemos observar como a arquitectura popular aproveita os materiais máis achegados para as súas construcións. A aldea está algo máis alta que o río, e organiza as súas casas a carón da antiga estrada con campos de cultivo, hortas e pomares. As vivendas teñen unha planta rectangular con dous andares: unha planta térrea na que se dispoñen cociña e cortes e o primeiro andar, comunicado por escaleira interior, que conta con algúns cuartos e unha sala. Os materiais empregados son o granito e o xisto, colocados como un crebacabezas con mans sabias do canteiro popular nos muros, a lousa utilizada no lousado, e a madeira empregada nas portas, ventás e corredores. Moitas das casas teñen corredores que permiten dispoñer de un lugar para secar as cousas ao tempo que actúan como un invernadoiro que da color a vivenda, por iso están case sempre orientados ao sur.
Camiñando por este itinerario podemos descubrir numerosas árbores de ribeira, como o freixo ou o bidueiro. A madeira do freixo foi moi empregada para facer os mangos dos apeiros de labranza e o eixo do carro, no canto que a de bidueiro er empregada para facer as zocas.
Se un vai en silencio e se fixa no río pode descubrir ao merlo rieiro voando a rentes da auga ou pousado nas pedras do río. É un especialista en caza acuática e pode mergullarse nas correntes e camiñar polo fondo do leito agarrándose fortemente ás pedras na procura de larvas, escaravellos acuáticos e outros insectos dos que se alimenta. A súa presenza indícanos a boa calidade das augas, pois é un paxaros moi sensible a contaminación. Xunto ao merlo será fácil observar á lavandeira real, de vistosas cores, que se afana na procura de alimento e palliñas para facer o niño cas sempre baixo dalgún salto de auga.