PONTE SEGADE - REFUXIO DE SALUSTIO - FERVENZA DE AUGAS CAÍDAS

  • Percorrido básico: Desde ponte Segade imos ate o Refuxio Salustio e aquí atravesamos a ponte e acompañamos ao río pola marxe dereita seguindo a corrente. Logo de pasar pola Área de Fonte Cubelas e un pouquiño máis abaixo polo seu muíño, volvemos novamente á beira esquerda do río até chegar á Fervenza de Augas Caídas. Logo podemos regresar por onde viñemos até o Salustio e desde aquí subir o río por calquera das marxes. Desde a base da fervenza podemos subir até a Area e Miradoiro de Augas Caídas subindo por un estreito camiño zigzageante curto pero de forte pendente.
  • Dificultade: Non é accesible nin practicable para público con mobilidade reducida nin discapacitados.
  • Distancia: 8 km
  • Tempo de percorrido: 3h
  • Valoración M.I.D.E:
    • MEDIO (severidade do medio natural): 1
    • ITINERARIO (orientación no itinerario): 1
    • DESPRAZAMENTO (dificultade no desprazamento): 2
    • ESFORZO (cantidade de esforzo preciso): 2
  • Coordenadas do inicio do percorrido: 43°37’16,50”N; 7°44’11,19”O

Xa ao pouco de comezar o noso camiño vamos ir acompañando unhas alfombras naturais que colonizan as superficies núas das rochas, os troncos das árbores e o chan: son os musgos. Viven en lugares sombrizos onde hai unha elevada humidade. Son moi importantes por que contribúen á formación do solo: acondicionan o medio para os vexetais superiores e serven de alimento e refuxio para numerosos invertebrados adultos ou larvas. En Galicia téñense descritas unhas 500 especies, algunhas moi raras.

Neste itinerario é fácil que podamos ver no río unha elegante ave, sempre ligada aos ambientes húmidos: a garza real. Pódenos sorprender sobrevoando o río, ou quieta esperando algunha presa nunha curva do río, coas súas longas patas metidas na auga. Aliméntase de peixes, anfibios, réptiles, pequenos mamíferos e insectos...que atrapa co seu enérxico pescozo e un afiado pico que a modo de arpón atravesa as súas presas.

No noso camiño, á nosa ollada non escaparán as lesmas, moluscos sen cuncha, moi abondosos en Galicia. Aliméntanse dos cultivos e doutra vexetación coas súas potentes rádulas coas que raspan a comida. No medio natural cumpren un importante papel xa que son alimento de moitos animais. Nos mellores bosques galegos viven unha especie, propia de Galicia e Irlanda, a lesma galaico-irlandesa, unha especie considerada vulnerable.

En moitos lugares do percorrido podemos ver e incluso empregar, unha construción popular dos ríos, os pasais, que comunican antigos camiños. Os pasais, pasos ou poldras son as solucións máis simples ideadas pola arquitectura popular para atravesar os regos sen mollarse. Son grandes pedras que se asentan no leito do río, aproveitando un vao natural. O seu nome débese a que a distancia entre as pedras é de un paso.
Na área recreativa de Fonte cubelas acaba o Couto de pesca de Ponte Segade. Nas zonas achegadas atopamos antigos frezadeiros de salmón nos aluvións do río, pois hoxe en día desgraciadamente xa non remontan o Sor, e tamén grandes pozas erosionadas pola forza da auga, onde os pescadores proban sorte para pescar.

Outra construción popular das inmediacións son as corripas ou ouriceiras. Trátase dunhas estruturas redondeadas, situadas ao pe dos castiñeiros cun muro de pedra de non mais de 1,50 m. Utilizáronse noutros tempos para secar as castañas para todo o ano. Xuntábanse os ourizos da castaña polo San Martiño, metíanse na corripa e tapábanse con silvas e fentos para que depeliquen. Despois sácanse da corripa e se escollen as castañas cunhas pinzas de madeira. A continuación as castañas son secadas nun canizo para que se conserven. Antes da chegada da pataca á nosa terra as castañas foron parte moi importante e fundamental da alimentación.

Polas pedreiras, cando quenta o sol, pasea a lagartixa galega, un réptil que só existe no noroeste ibérico, e que está protexida. Normalmente cesa a súa actividade de novembro a xaneiro polo frío, e a retoma na Primavera. Son moi beneficiosas por que controlan as poboacións de insectos. As lagartixas son capaces de desprenderse con facilidade da súa cola cando son atacadas por un depredador.

Chegamos á fervenza de Augas Caídas, un espectáculo para os nosos sentidos, onde o rego do Seixo remata a súa viaxe de forma espectacular regalando as súas augas ao Sor nunha ruidosa fervenza que salva un desnivel de máis de 30 m. A velocidade e forza da auga dos ríos ten a súa máxima expresión para os nosos sentidos e a paisaxe natural nas fervenzas, caedeiros ou fervedoiras.

Desde o miradoiro poderemos gozar da fermosa paisaxe que debuxa o Sor e adiviñar novos camiños “carreiros” que se aventuran entre o pedregal “granítico”. A forza do río Sor escavou durante millóns de anos este paso no seu camiño cara o mar.

Descargas