- Percorrido básico: Do Refuxio Ulló á capela da Virxe do Porto, pasando pola ponte colgante e o refuxio da Furada e a antiga ponte medieval de Ponte do Porto.
- Dificultade: Media – alta
- Distancia: 12 km aprox.
- Tempo de percorrido: 4 horas
- Valoración M.I.D.E.:
- MEDIO (severidade do medio natural): 1
- ITINERARIO (orientación no itinerario): 1
- DESPRAZAMENTO (dificultade no desprazamento): 3
- ESFORZO (cantidade de esforzo preciso): 4
- Coordenadas do inicio do percorrido: 43°41’14,99”N; 7°42’46,93”O
Senda preparada pola Xunta de Galicia, discorre pola beira do río, por un camiño preparada ao efecto, con escaleiras de pedra ou madeira para axudar en tramos máis dificultosos.
Este sendeiro recorre o río pola súa beira da provincia de A Coruña. O percorrido discorre por zonas bastante chas, nas que atopamos bancos colocados para descansar. Despois duns corenta minutos de camiño chegamos á ponte colgante e xunto del o Refuxio de Pescadores da Furada.
Continuamos o percorrido ate que podemos admirar a Ponte do Porto, antiga ponte de orixe medieval construída para que o Camiño Real entre Viveiro e Ortigueira, sorteara o río Sor. Foi realizada en cantería con arcos de medio punto. No seu centro (a dez metros sobre o nivel da auga) aínda pode verse o marco que sinalaba o límite entre as antigas provincias de Betanzos e Mondoñedo.
A súa beira encóntrase a capela da Virxe do Porto, onde hai anos se celebraba unha gran romaría onde asistían os veciños de toda a bisbarra, quedando agora só en lembranzas.
O BOSQUE DE RIBEIRA CONSERVA A RIQUEZA DOS RÍOS
Os bosques de ribeira forman unha galería arbórea ao longo do río de grande importancia ecolóxica. Serven como corredores verdes para a fauna. A súa sombra axuda a regular a temperatura das augas do río, manténdoa case constante, especialmente no verán e ademais actúan de filtro verde purificando as augas que se incorporan ás correntes.
O Sor circula polo seu leito transportando materiais diversos. En certos lugares no que o leito se agranda moito se producen acumulacións de sedimentos que forman ao longo do tempo illas. Estes anacos de terra vexetados son moi importantes para a flora e fauna do río, por que ofrecen un lugar protexido, illado da influencia dos humanos e dos predadores. Polo tanto son uns espazos moi valiosos para a conservación da biodiversidade.
No Sor viven dous mamíferos ben adaptados a vivir na auga dos nosos ríos, sempre que estean ben conservados: a lontra e o auganeiro.
Da lontra o máis probable é que só vexamos as evidencias da súa existencia: ben as súas pegadas ou ben os seus excrementos. Precisa augas limpas e ecosistemas ben conservados para poder vivir. Este mamífero está perfectamente adaptado a vida no río, e pode chegar a nadar a unha velocidade de 11 km/hora cando un nadador olímpico só chega a uns 7 km/h. Tamén e quen de aguantar debaixo da auga até 4 minutos. O corpo en forma de fuso e as pequenas orellas para reducir a resistencia á auga, as patas traseiras palmeadas e a súa cola aplanada como un temón, son algunhas das adaptacións deste mamífero que volveu ao mundo acuático e que se alimenta fundamentalmente de peixes que caza sorprendéndoos.
O auganeiro ou rato de almiscre é un pequeno mamífero nocturno da familia das toupas, pesa uns 50 gramos e non ten mais de 13 cm. de longo. Alimentase de pequenos invertebrados que captura coa axuda da súa trompa coa que levanta as pedras do fondo.