RÍO SOR - REFUXIO DE ULLÓ - PR - G8

  • Percorrido básico: Esta ruta comeza no Morgallón e nos leva até o refuxio de pescadores de Ulló para desde alí volver polo monte da Ínsua que ten unhas vistas panorámicas impresionantes sobre o río Sor ao noso punto de inicio.
  • Dificultade: Baixa
  • Distancia: 9,3 km aprox.
  • Tempo de percorrido: 3 horas
  • Valoración M.I.D.E.:
    • MEDIO (severidade do medio natural): 1
    • ITINERARIO (orientación no itinerario): 2
    • DESPRAZAMENTO (dificultade no desprazamento): 3
    • ESFORZO (cantidade de esforzo preciso): 2
  • Coordenadas do inicio do percorrido: 43°42’13,72”N; 7°41’41,35”O

Trátase dunha ruta de sendeirismo homologada en setembro de 2001 pola Federación Galega de Montañismo coa inscrición PR-G 8 que percorre na súa maior parte, a beira do río Sor. Nesta ruta atoparémonos cunha telesilla, unha presa de retención, un refuxio e á beira o capturadoiro de reos.

Durante a primeira parte do traxecto non nos separamos nunca do río. Ao noso paso vemos en primeiro lugar, pero na beira contraria, unha minicentral hidroeléctrica abandonada. A continuación a desembocadura dun pequeno afluente do Sor, o río Riobarba. Seguimos camiñando até atoparnos cunha bonita presa de retida na que se poden ver os vasos que permiten o remonte dos reos.

A uns cen metros denta presa atopamos unha telesilla colgante para cruzar o río e continuamos o noso percorrido até encontrar un muíño de auga abandonado.
Chegamos a Ponte Ulló, onde hai un centro de captura de reos ademais dun merendeiro para repoñer enerxías.

A conservación do reo ten moita importancia xa que é un peixe que só se encontra nas costas e ríos de Galicia e do Cantábrico.

O reo recibe distintos nomes populares dependendo do seu tamaño e da época na que remonta o río: maiolo, cereixolo e castañolo. Isto depende da época  en que remontan. En maio soben os maiolos, nos meses de verán, coincidindo coa época das cereixas, os cereixolos; e xa chegando o outono, coincidindo coa época das castañas, os castañolos.
No noso percorrido seguro que verás moitos insectos e outros invertebrados acuáticos. Algúns como as libélulas, os cabaliños do demo, as cachipollas ou as efémeras teñen unha dobre vida, primeiro acuática e despois aérea, que ao mesmo tempo lles axuda a evitar un dos problemas co que se encontran a vida nas augas correntes: a deriva.
A primeira parte do seu ciclo vital pásana no interior do río que no caso das libélulas pode chegar a durar até catro anos. Cando acaba esta fase mudan e transfórmanse en adultos. 

Durante esta fase voan nas proximidades do río onde se alimentan e reproducen. Para evitar que a corrente os achegue cada vez mais á desembocadura (fenómeno que se coñece como deriva), remontarán río arriba para depositar os ovos sobre plantas das ribeiras. 

No caso dalgunhas cachipollas a súa vida adulta é tan breve que carecen de aparato bucal, e non se poden alimentar, sendo a reprodución a súa única función como adultos. Coñécense tamén co nome de “efémeras” pois a súa vida e moi curta, efémera.
O estudo e coñecemento dos invertebrados de auga doce é unha importante ferramenta científica para coñecer o estado ambiental dun río, xa que son magníficos indicadores biolóxicos. 

Desde este punto emprendemos o camiño de volta ata Morgallón e facémolo pola outra aba do monte Ínsua, un monte con característica de illa, de aí o seu nome, debido ao caprichoso meandro que forma o Sor a escasos quilómetros da súa desembocadura.
Finaliza a ruta cando chegamos ás casas do lugar de Monte de Ínsua e volvamos subir a Morgallón.

Descargas